Home Aplicabilidade

Dado o seu carácter eminentemente práctico, os resultados do proxecto terán unha aplicación inmediata mediante a súa implantación en MeteoGalicia. Servirán, tamén de maneira inmediata, para que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas cumpra coas obrigas derivadas da aplicación da directiva INSPIRE establecendo unha infraestrutura de datos espaciais de información meteorolóxica e oceanográfica.

Aplicabilidade
Escrito por Administrator   
Venres, 06 Agosto 2010 12:37

Dado o seu carácter eminentemente práctico, os resultados do proxecto terán unha aplicación inmediata mediante a súa implantación en MeteoGalicia. Servirán, tamén de maneira inmediata, para que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas cumpra coas obrigas derivadas da aplicación da directiva INSPIRE establecendo unha infraestrutura de datos espaciais de información meteorolóxica e oceanográfica. Esta infraestrutura de datos espaciais estará formada fundamentalmente por servizos que se aproximen o máis posible ós estándares propostos polo OGC de xeito que poderán ser catalogados e empregados por outras institucións, entidades ou proxectos que o precisen para o desenvolvemento dos seus propios produtos.

Ademais, a infraestrutura de datos espaciais xunto coas aplicacións realizadas aportará notables melloras na publicación e difusión da información que repercutirán de maneira directa nos amplos usos que se fan hoxe en día da información meteorolóxica por parte dos sistemas de apoio á xestión ambiental. Como exemplos pódense citar aplicacións ós parques eólicos ou á estimación de efectos contaminantes en función da situación meteorolóxica.

Por outra banda, como parte dos resultados do proxecto, é previsible a obtención de compoñentes software para a adaptación de visores e servidores de información xeográfica existentes. Dado que se usará software libre, facilitarase que as adaptacións que se realicen se integren nos visores e servidores orixinais. Desta maneira estarán a disposición do público e poderán ser empregados por outras axencias meteorolóxicas ou sitios que manexen información deste tipo. Polo tanto, os resultados do proxecto poderían ser potencialmente transferidos a outros organismos similares a nivel autonómico, nacional e internacional.

Outros resultados transferibles serán as contribucións de investigación que se fagan para a converxencia dos estándares SIX cos formatos e protocolos usuais de comunicación de información científica.

Finalmente, o uso do protocolo WPS permitirá un mellor coñecemento do mesmo por parte dos equipos participantes no proxecto e en particular polo CESGA. Aínda que neste proxecto se aplicará ó procesamento de datos meteorolóxicos, o WPS é un protocolo bastante xenérico que permite a súa aplicación a todo tipo de cálculos espaciais e incluso a cálculos non espaciais. O traballo que se realice con este protocolo contribuirá á avaliación da posibilidade de implantación no CESGA dun servizo WPS como medio de acceso ós seus recursos computacionais por parte dos distintos grupos de investigación e empresas que diariamente executan cálculos nos seus supercomputadores.

Última actualizaciónfeita en Mércores, 09 Febreiro 2011 10:59