Home Socios do Proxecto

Das predicións numéricas, MeteoGalicia, publica mapas estáticos das últimas execucións e gráficas de series temporais para certos lugares. Para clientes avanzados realiza postprocesados, xerando arquivos específicos para cada un.

Socios do Proxecto
Escrito por Administrator   
Luns, 23 Agosto 2010 09:26

MeteoGalicia (http://www.meteogalicia.es) é o servizo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas encargado da elaboración e difusión da información meteorolóxica de Galicia: publicación da información na web, con servizos para a difusión ós medios de comunicación e demais usuarios, e mantemento da infraestrutura para a súa elaboración e xestión. O Equipo do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, constituído por membros de MeteoGalicia (Equipo METEO) ademais participou en máis de 20 proxectos de I+D+i no eido medioambiental nos últimos 6 anos. Polo tanto, METEO encárgase da xestión das redes de observación ambiental (rede de calidade do aire, das augas, rede meteorolóxica e de boias oceanográficas), posúe experiencia na implantación de sistemas de información meteorolóxica e é profundamente coñecedor das tecnoloxías que se desenvolven internacionalmente con este fin.

O CESGA (http://www.cesga.es) é un centro de investigación e servizos de computación e comunicación que ten participado en máis de 90 proxectos de I+D+i nos últimos 5 anos, a maioría relacionados coa computación distribuída e os SIX. O Equipo do CESGA traballa en SIX dende 1994, posuíndo ampla experiencia en tecnoloxías de análise, tratamento e transformación de información xeorreferenciada. No eido de servidores de mapas en internet o CESGA foi pioneiro poñendo na rede estes servizos dende 2000. Mostra destes proxectos son o servidor cartográfico SIGREMAR para o Centro de Investigacións Marinas de Corón (2001), o mapa de investigadores de España GISSTI para o CINDOC do CSIC (2002), o Módulo SIX Observatorio Forestal Silvanus, o Observatorio de Suelo Empresarial de Galicia/Norte de Portugal (2004) ou o Mapa de Apelidos de Galicia (2006) para o Instituto da Lingua Galega.

O Equipo da UDC pertence ó Grupo de Arquitectura de Computadores, GAC (grupo G000265 da UDC, (http://gac.des.udc.es). O GAC, nos últimos 5 anos, captou preto de 2.5 millóns de Euros en proxectos de I+D+i, tanto públicos como privados, e publicou máis de 115 traballos de investigación, 35 deles en revistas JCR. As súas liñas de investigación céntranse na computación de altas prestacións e os SIX. Neste ámbito o Equipo UDC, constituído por 5 titulados en Informática (3 doutores), ten experiencia no deseño de ferramentas SIX libres aplicadas a diversos campos de interese social (planeamento urbanístico e desenvolvemento rural, turismo e patrimonio e xestión ambiental), principalmente en colaboración con administracións públicas e conformando equipos interdisciplinares.

O Equipo da USC pertence ó Laboratorio de Sistemas (LBS, grupo GI-1893 no Catálogo da USC), (http://www.usc.es/iit/lbs/areas.htm) sito no Instituto de Investigacións Tecnolóxicas e formado por preto de 40 investigadores (14 deles doutores). Entre as súas liñas de investigación están as tecnoloxías SIX, a monitorización da dinámica oceánica e aplicacións pesqueiras baseadas en teledetección ou o desenvolvemento de sistemas de medición in-situ de datos oceanográficos. Entre as súas áreas de actividade nos últimos anos destacan o medio ambiente, os servizos e solucións de mobilidade, a xestión de recursos naturais ou a protección civil e a xestión de emerxencias. Nos últimos 5 anos, o LBS captou máis de 1.5 millóns de Euros en proxectos de I+D competitivos e preto de 2.5 millóns en contratos con empresas e organismos públicos. Ademais publicou 75 artigos científicos, 60 deles en revistas JCR.

Última actualizaciónfeita en Luns, 23 Xaneiro 2012 14:57